apaisada_playa

Un dos atractivos turísticos de Sada é a súa gran variedade de praias. Entre os seus nove areais [audioguía], poderás escoller entre praias urbanas (con tódolos servizos), espazos illados e virxes e areais semiurbanos que ofrecen a mellor das combinacións.

Na capital municipal, encóntranse a praia das Delicias e a praia Nova, ámbalas dúas separadas pola desembocadura do río Maior e unidas tanto polas súas augas coma polo paseo marítimo que lles dá acceso.

Dende o forte de Corbeiroa, construción do s. XVIII que protexía a vila de posibles invasións marítimas, ata a desembocadura do río, encóntrase a enseada das Delicias. Areal branco e de augas tranquilas, ideal para practicar calquera deporte acuático. Ao seu lado atópase a praia Nova, que chega ata as inmediacións do porto deportivo e é un espazo predilecto para gozar do sol en familia.

Os dous areais son moi concorridos no verán xa que dispoñen de múltiples servizos, entre os que destacan o acceso para persoas con mobilidade reducida e as numerosas terrazas que hai ao seu arredor.

Praia dos LobosDetrás do porto pesqueiro, encóntrase a praia de Morazón, un pequeno areal de augas tranquilas e baixo nivel de ocupación. Para acceder a el debes baixar unhas escaleiras, desde onde poderás ver os restos do forte de Fontán, outra das construcións marítimo – defensivas do século XVIII.

Praias virxes e illadas

Dende a praia de Morazón, a escasos 5 minutos en coche, encóntranse as praias de Arnela, Os Lobos, Armenteiro e Lourido. Moi próximas entre si, estes pequenos refuxios naturais ofrecen a posibilidade de gozar do descanso e de practicar deportes como o snorkel ou a pesca submarina. Para acceder ás pequenas calas hai que facelo a través de sendeiros e pequenos camiños veciñais.

Se buscas gozar dunha praia natural, pero con todas as comodidades, recomendámosche as praias de San Pedro e Cirro. Son areais semiurbanos, próximos entre si e situados nos seus respectivos pobos. En Cirro tamén hai zona de cámping.

Galería de imaxes