Gran parte da actividade de Sada céntrase no seu porto deportivo e pesqueiro, pero o auténtico corazón da vila [escoitar audioguía] segue estando nos seus barrios.

En Sada podes facer unha viaxe no tempo para debullar a súa historia a través dos seus preciosos barrios de pescadores, A Tenencia [audioguía] e Fontán [audioguía]. Aquí aínda se conservan vivendas mariñeiras do século XVIII a través das que poderás coñecer a súa evolución no tempo.

Entre a rúa praciña do Conde e a praza da Pescadería encóntrase A Tenencia, un conxunto de antigas casas de dúas plantas, situadas entre medianeiras e corredores de madeira. Durante o traxecto percibirás a influencia modernista nas reformas das vivendas, que substituíron os marcos e balcóns de madeira por estruturas de cemento e pequenos relevos vexetais.

Fontán

BarrioFontan_600x300pgEn Fontán, o outro barrio mariñeiro situado no alto da vila e fronte ao porto que leva o seu nome, as rúas estréitanse e vólvense irregulares. Aínda que Fontán se recoñece polo seu colorido, orixinalmente a maioría dos muros pintábanse de branco e era só a carpintería de marcos e balcóns a que se tinguía de cor. O azul, o vermello, o verde, era a pintura que sobraba dos barcos.

Como enclave privilexiado para mirar o mar, nesta zona sitúase o castelo de Fontán, unha batería defensiva do século XVIII que protexía a vila dos seus constantes saqueos. Ao seu carón atópase a pequena praia de Morazón, dende a que acceder á misteriosa Cova d’Anca. Situada nun acantilado, sobre ela xiran incontables historias, como a súa posible conexión co forte ou mesmo con algunha casa señorial.

A Tenencia e Fontán son, sen dúbida algunha, dous lugares únicos polos que perderse para coñecer a Sada máis auténtica.

Galería de imaxes