Sada

Sada é un dos destinos turísticos máis recomendados e apreciados no noroeste peninsular. Situado na bisbarra das Mariñas, provincia da Coruña, consolidouse como un referente no sector pesqueiro e como centro do ocio náutico en Galicia.

De tradición mariñeira, a vila ofrece todo o que un visitante necesita para o seu descanso. Preciosas praias naturais, paisaxes solitarias e virxes, patrimonio histórico ben conservado e un dos portos deportivos máis grandes e mellor valorados do norte de España.

Aínda que o seu crecemento provén da actividade pesqueira, Sada soubo conxugar á perfección a actividade profesional cos espazos recreativos que ofrece o mar. A práctica de deportes acuáticos, a navegación deportiva ou a visita ao porto de pescadores son algunhas das súas alternativas máis demandadas.

De igual fama goza a súa gastronomía, elaborada con produtos locais de máxima calidade e que se pode degustar nos diferentes establecementos da Rede Turística.

Entres os seus múltiples atractivos, destacan sen dúbida, os seus barrios de pescadores, coñecidos como A Tenencia e Fontán onde o visitante poderá perderse entre as súas rúas e recrearse no espectáculo multicolor que ofrecen as fachadas das tradicionais casas mariñeiras.

Unha experiencia única para coñecer de primeira man un estilo de vida tradicional, integrado e perfectamente adaptado aos tempos.