XornadaSanXoan_Sada_20-06-2015_108x92

O proxecto de dinamización turística Mar de Sada finaliza as actividades contempladas na segunda fase de execución cunha xornada lúdico-didáctica. Desde as 11.30h ata a tardiña, Concello, hostaleiros e empresarios turísticos implicáronse cun intenso programa de actividades que inclúe desde unha ruta guiada ao novidoso “fútbol-burbulla”. Turistas, visitantes e veciños xa poden achegarse á historia da vila e outra información de interese coas novas tecnoloxías a través da ruta multimedia 2.0 instalada ao longo do litoral urbano.

 

XornadaSanXoan_Sada_20-06-2015_web

Mañá, sábado 20, será un día intenso en Sada. No marco do proxecto Mar de Sada [www.mardesada.com], financiado con fondos europeos e promovido polo Concello de Sada, programouse unha completa xornada de actividades coa que se dará por concluída a segunda fase de execución desta iniciativa de dinamización turística e se prepara a celebración da noite de San Xoán. Na mesma colaboran os actores implicados no proxecto Mar de Sada, así como o goberno municipal e outros empresarios locais que quixeron mostrar o seu apoio á promoción do turismo en Sada e da súa economía.

 

Ás 11.30h, da Casa da Cultura partirá unha ruta guiada de 45 minutos pola fachada marítima dirixida polo persoal da Oficina Municipal de Turismo. Esta é unha actividade para promocionar a riqueza da localidade, apoiándose na súa historia e nos seus valores naturais, paisaxísticos, patrimoniais e arquitectónicos para dar a coñecer todas as opcións de lecer que ofrece a vila en si. A inscrición na ruta pode facerse ata 10 minutos antes da saída, ben na caseta turística ou no teléfono 698 169 598.

 

Precisamente, os participantes nesta ruta poderán coñecer de primeira man a nova Ruta multimedia 2.0 Mar de Sada que, coa axuda das novas tecnoloxías (TIC) e cunha mínima intervención sobre o entorno, percorre algo máis de 2 km do litoral urbano, desde O Curruncho ata o Forte de Fontán.

 

En 20 lugares estratéxicos como poden ser varios puntos do paseo marítimo, os barrios mariñeiros de Fontán ou da Tenencia, o porto pesqueiro e os deportivos, instaláronse outros tantos postes e paneis informativos con acceso directo a información multimedia (textos, fotos, audios e vídeos) sobre Sada nos tres idiomas do proxecto (galego, castelán e inglés).

 

Cun só clic desde un teléfono intelixente (smartphone), e mediante aplicacións de balde para ler códigos QR, NFC ou de realidade aumentada, o usuario pode consultar in situ información sobre os recursos que ten diante de si e ampliar a súa experiencia turística en Sada sen necesidade de guías ou terceiros. Trátase, ao fin, de camiñar da man do turismo experiencial e das emocións co apoio das TIC que permitiron subir á nube, a través do site www.sada.mobi, a Sada máis auténtica e a súa tradición mariñeira a todo aquel que visita o municipio.

 

Degustacións e turismo náutico

A partir do mediodía, os doce locais hostaleiros integrados na recentemente constituída Rede Turística Mar de Sada ofrecerán saborosas propostas gastronómicas inspiradas no San Xoán e nos produtos do mar e da terra de Sada.

 

Os restaurantes e empresas turísticas que forman parte da Rede son café bar Covad’anca, café bar Bulevard, café bar Antoxos, restaurante La Terraza, cervexaría Cobh Irish Pub, restaurante Licar, restaurante Tamei, pizzería Va Bene, mesón bar La Patata Brava, restaurante mesón Rincón de Burgos, mesón bar A Perla, cafetería New York New York e cervexaría Muelle 33. Pola súa banda, as empresas de turismo náutico adheridas son Altavela, Club Náutico Recreativo de Sada e Cadenote.

 

Xa pola tarde haberá visitas a varios puntos de interese e poderase participar en actividades náuticas e recreativas (gratuítas). Entre as 16.00 e as 20.00h, o Club Náutico Recreativo de Sada trasladarase á praia Nova para dirixir unha xornada de portas abertas para todos os públicos que inclúe vela lixeira, windsurf, cruceiros pola ría, padel surf e kayak (nenos). Tamén organizará unha ginkana e xogos na area como volei praia, tiro con arco e voo de cometa.

 

Pola súa banda, Altavela traslada a súa oferta ao martes 23 de xuño para ver a posta de sol e as cachelas de San Xoán desde o mar a bordo dun veleiro. Os interesados poden escoller entre a opción de 2 horas de duración (35€) en horario de 20.30 a 22.30 horas; ou a opción de 4 horas (50€/pax), de 21.00 a 00.00h, que inclúe cea a bordo. Os menús a elixir son “de picoteo”, servido polo café-bar Covad’anca (10€/pax), con tosta de paté de sardiña sobre pan de broa, empanada de parrochas, croquetas da ría, piruletas de mexillón e viño branco. O menú completo estará servido polo restaurante Licar-Sada (25€/pax, sen bebidas) e ofrece salpicón de rape, rolo de bonito e tarta de queixo caseira.

 

Cadenote, a terceira empresa de turismo náutico que forma parte da Rede Turística, ofrece o aluguer de embarcacións recreativas con ou sen patrón.

 

Exclusivo en Galicia

A oferta lúdica vespertina continuará coa exhibición da nova modalidade deportiva denominada fútbol-burbulla (bubble soccer), promovida por un empresario local, que poderá experimentarse de forma gratuíta por primeira vez en Galicia. Os interesados en coñecer esta outra forma de xogar ao deporte rei teñen que achegarse ata os xardíns do paseo marítimo de Sada, ao lado da praza Irmáns Suárez Picallo. Precisamente, hoxe venres 19, Sada é o escenario elixido para gravar o vídeo promocional do fútbol-burbulla galego.

 

No entorno do edificio da Terraza tamén se atopará en funcionamento o tiovivo de época de Sada, único en Galicia. Este espectacular carrusel veneciano de dous pisos e 82 prazas, semellante aos da época modernista, permanecerá na vila tres meses.

 

Outras actividades deportivas incluídas no programa son as xornadas 5ª e 6ª da Liga nacional de patinaxe de velocidade, organizadas polo club Sada Patín, con competicións no circuíto urbano na Avda. da Mariña a partir das 16:00h. O domingo, desde as 10:00h, a proba trasládase á pista de patinaxe municipal. Tamén este día pola mañá disputarase o I Triatlón para menores, organizado polo Club Atletismo Sada. Partirá da praza Irmáns Suárez Picallo e continuará polas rúas da zona urbana ata a Avda. do Porto.

 

O espectáculo CabaréTango, da artista Lorena Lores, porá o peche musical á tarde no auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.00h. de mañá sábado 20. O prezo da entrada é de 3,5€.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Facebook IconYouTube IconTwitter Icon